BENVIDOS E BENVIDAS


A maxia dun sentimento lévanos ó Concello do Saviñao,

na Ribeira Sacra lucense, das Terras de Lemos.

Terra de pedra e luz, de homes e mulleres amables e

hospitalarios que deixaron marchar os seus fillos lonxe, en busca de novas oportunidades.

Terra máxica e melancólica, dunha fermosura incomparable,

cas súas devesas de carballos e castiñeiros centearios preto das augas do río Miño.

Terra namorada do seu pasado que loita por sobrevivir no presente.

Queremos compartir convosco a riqueza natural paisaxística,os camiños máis sorprendentes, as aldeas e festas,

o patrimonio artístico e a exquisita gastronomía.

Benvidos e benvidas ó noso blog .

Desexamos que nos enviedes os vosos escritos e fotos ó correo electrónico : lua_mgv@yahoo.es, para participar no proxecto.



8 may 2010

Entrevista a Antonio Nieves Ferreiro (O Narote)


Entrevista publicada en "La voz de Galicia" (7/ Mayo/2010).

Antonio Nieves non vai poder presentar mañá o seu libro de memorias no seu Escairón natal. Era o acordado, pero a directiva do Círculo Saviñao decidíu aprazar o acto ata mellor ocasión, en vista do malestar que provocou en familias dos aludidos nas pasaxes de Una lucha incansable que falan da represión posterior ao golpe militar de 1936. Antonio Nieves, tamén coñecido no Saviñao polo alcume de Narote, gardaba por escrito todo un listado de acontecementos, datas, lugares e tamén dos nomes de quen como el foron vítimas e máis dos que considera que exerceron de verdugos. Ese é o problema, que o libro lle pon nome e apelidos a veciños que participaron dun ou doutro xeito nas persecucións políticas dos anos máis duros da ditadura. El asegura que non lle importan as críticas. E está convencido de que vai poder presentar o libro. Aos seus 96 anos espera que sexa pronto, pero di estar tranquilo. «Xa se fará, non hai présa», asegura.

-¿Sabe que algúns familiares das persoas que acusa no seu libro se queixaron á directiva do Círculo pola presentación do libro?

-Non o sabía.

-¿E que lle parece?

-É cousa deles.

-¿Por que decidíu poñer eses nomes?

-Só escribín o que me pasou. Conto tal e como eu vivín a vida, sen ningún remordemento e ningún receo.

Antonio Nieves coñeceu a prisión por primeira vez no 1934, cando facía o servizo militar na base aérea de León xunto con medio cento de soldados máis que se negaron a bombardear aos obreiros levantados en armas en Asturias. Dous anos despois, o golpe militar de Franco surprendíao na súa casa do Saviñao. Escapou e vivíu agochado durante catro anos, ata que o colleu a Garda Civil. El temía o peor, pero a intercesión duns familiares permitíulle saír libre en menos dun mes. Despois daquilo intentou levar unha vida normal, pero no 1951 foi denunciado como suposto enlace do Piloto, o famoso maquis que aínda sobreviviría quince años máis escapado polos montes entre Monforte e Chantada.

-¿A quen acusa en concreto no seu libro?

-Falo de ao redor dunha ducia de persoas, de aqueles que me perseguiron e me viñeron buscar para matarme. No ano 1951 a min denuncioume un mal bicho que hai alí, que non sei se vive aínda, que tiña pensado mandar prendelo. Era o alcalde daquela e foime denunciar á Garda Civil dicindo que eu era o enlace do Piloto.

-¿E era certo?

-Non. Nunca o vin diante. Sei que era un escapado e que era unha boa persoa. O caso é que se presentou na miña casa a Garda Civil. Pasei un mes no cárcere de Quiroga, e tiven a sorte de que a persoa que estaba alí de xuíz, Antonio Rodríguez Regueiro, era unha boa persoa e amigo meu dos tempos do servizo militar en León. Aínda recordo o abrazo que me deu cando me veu ver ao cárcere despois de que lle contaran que eu estaba alí.

-¿Non o chegaron a condenar por aquilo?

-Nin me xulgaron. Pero despois diso decidín emigrar a Venezuela, porque estaba claro que me querían amargar a vida.


http://media.lavozdegalicia.es/default/2010/05/07/0012_2744200/Foto/m7c5f1.jpg

2 comentarios:

Antón Mixiriqueiro dijo...

Moi intesante, exemplo de dignidade aos seus anos !

Sábedes a editorial? Pódese mercar en Barna (sargadelos)?

Un saúdo !!

Pili - Carmen - Montse dijo...

A editorial é Galaxia. Antonio Nieves, fixo cen exemplares pra familia e amigos. Non sabemos si ten a intención de facer máis copias,xa te informaremos si é así.

Antón,unha aperta !!