BENVIDOS E BENVIDAS


A maxia dun sentimento lévanos ó Concello do Saviñao,

na Ribeira Sacra lucense, das Terras de Lemos.

Terra de pedra e luz, de homes e mulleres amables e

hospitalarios que deixaron marchar os seus fillos lonxe, en busca de novas oportunidades.

Terra máxica e melancólica, dunha fermosura incomparable,

cas súas devesas de carballos e castiñeiros centearios preto das augas do río Miño.

Terra namorada do seu pasado que loita por sobrevivir no presente.

Queremos compartir convosco a riqueza natural paisaxística,os camiños máis sorprendentes, as aldeas e festas,

o patrimonio artístico e a exquisita gastronomía.

Benvidos e benvidas ó noso blog .

Desexamos que nos enviedes os vosos escritos e fotos ó correo electrónico : lua_mgv@yahoo.es, para participar no proxecto.



21 abr 2010

Suso de Toro

Suso de Toro é un dos nosos escritores máis polifacéticos, guionista e colaborador habitual de prensa e radio. A súa obra non pode deixar indiferente a ninguén, xurde da liberdade de pensar libremente e do seu inconformismo, compromiso e espírito crítico coa sociedade galega, propoñendo reflexións sobre a Galicia que lle tocou vivir e o mundo en xeral.

A tempestade do mar Atlántico déixanos levar pola lectura engaiolante dos seus libros, cunha linguaxe directa e lectura cativadora. Santiago de Compostela moitas veces escenario e protagonista. Unha literatura que procura o sentido da existencia, e afonda na identidade.

A universalidade escrita en galego.


1.-¿Coñeces o Concello do Saviñao?

-Pois si. Hai uns anos estiven alí para falar de literatura, precisamente, convidado por Carlos Quiroga, profesor e escritor. Lembro a unha xente moi cordial, déronme de cear logo.

2.-¿Qué é un bo libro para ti?

-Gusto de cousas moi diversas, hai cousas bonitas de todas as maneiras, igual que as persoas. Así que considero bo a un libro de calquera materia ou estilo se: Non aburre a ese lector ao que vai destinado. Hai lector de literatura científica, de best-seller, de literatura de autor, ensaio filosófico ou literario, policial, ciencia ficción...Son libros distintos mais, dentro do seu carácter, non debe aborrecer.

3.-¿Ser escritor require unha predisposición innata?

-Pide certas características, que realmente máis ben son limitacións. Pide unha personalidade soñadora, inmadura, e tamén ser moi verbal, gustar de ouvir, falar e ler. Ademais diso, ter a oportunidade de formarse na lectura e, sobre todo, unha vocación forte e certa confianza nun mesmo.

4.- A procura da identidade persoal está moi presente nos teus libros. En concreto, ¿o teu libro “CALZADOS LOLA”, pódese considerar máis unha novela negra ?

Photobucket

-"Calzados" naceu como un guión para un filme que non era policial, era unha viaxe de fillos na procura dun pai semidescoñecido. Logo, como o productor non me aceptou o guión, escribín a novela. E aí, polo visto, debeu de apetecerme meterlle a acción á historia. Pode que fose polo que dixen antes de non aborrecer, de divertir ao lector. O certo é que gusto de falar das cousas que considero importantes a través de historias, da acción. Teño medo a eses personaxes que fan peroratas máis ou menos filosóficas e "profundas". Aínda que teño que recoñecer que despois de "Calzados" escribín libros que teñen algo diso.

5.- No Forum de Barcelona 2004 dixeches : “el periodista debe implicarse emocionalmente en los hechos para poder contar la verdad; debe explicar qué les ocurre a los bombardeados, no sólo a los que bombardean. Una buena información permite que existan ciudadanos libres”.

A túa liberdade en escribir o que pensas,¿xurde da rabia e do teu inconformismo do que observas ó teu arredor? ¿Manifestando as túas ideas sobre a política en xeral, cres que prexudicoute como escritor?

-Realmente na vida facemos o que podemos, únicamente. A miña maneira de ser conduciume sempre a comportarme así, as cousas que me parecen inxustas enfádanme e reacciono meténdome en leas tremendas. Non ten mérito ningún, máis ben é unha desgraza boa. E naturalmente que me levan cobrado un prezo alto, tanto na Galiza como en Madrid. Agora que ninguén me mandou facer nada do que fixen, non me podo ir queixar a ninguén.

6.-“Las literaturas en las otras lenguas ni siquiera hemos tenido sitio en los suplementos literarios madrileños. Han tenido mucho más espacio la hebrea, la finlandesa…que la catalana, que son bastantes más millones de hablantes. El quid: son literaturas con Estado”("ESPAÑOLES TODOS").

"TRECE BALADADAS", premio Nacional de Literatura no ano 2003, ¿cambiou algunha cousa ?


Photobucket

-Eu diría que para peor, hoxe está consolidadísimo, pode que sen remisión, que a literatura española é a que está en "castellano" e nós somos "extranxeiros". É máis "español" unha escritora ou escritor mexicano ou arxentino, polo feito de falar castelán, que un galego que escribe en galego. Máis claro, auga.

7.-¿Pódesnos recomendar un libro da literatura galega?

-Recomendo "Cousas" de Castelao, é breve e máis exquisito. Dos libros de escritores vivos..., posme nun compromiso, son amigo de algúns...

8.- "ANDAR TROPEZANDO" da editorial libro de notas, pódese descargar na rede e facer unha doazón dun euro, ¿cómo xurdiu está iniciativa?

-Xurdiu da crise económica e do sector da edición literaria. Estaba comprometido cunha editorial, RBA, que rompeu o contrato. Xa estaba o libro feito, prologado pola profesora Dolores Vilavedra e con textos traducidos ao castelán por Belén Fortes, e mesmo estaba pagada a tradución pola editorial e víame co libro nas mans. O meu axente ofreceullo a outro editor, ao editor polo que teño lido sorprendeulle o libro, gustou del, mais dixo que había crise e que era un libro gordo bastante, así que me cabreei. Puxen un post no meu blog comentando o caso e reflexionando sobre o que me ocorría e Marcos Taracido, de Librodenotas, escribiume ofrecendo facer edición electrónica, e eu dixen, "veña para diante!". Apeteceume tamén o experimento, iso é. Coido que non poderá ser todo de balde, haberá que cobrar polos contidos, senón de qué vai vivir o escritor.

9.-¿qué nos podes contar da novela "HOME SEN NOME" ?

Photobucket

-Estou moi orgulloso dela. É un libro duro en moitos sentidos, pero ambicioso literariamente, vai máis alá de pretender contar a represión en Santiago, España ou o fascismo europeo. Máis ben é a creación dun monstro. Un monstro perverso e lúcido que nos custiona. E a xente non gusta de libros tan incómodos.

10.- ¿Quen escribiu o DOPPELGÄNGER que defínete no teu blog?,¿fuches ti?.

Photobucket


-Fun eu. Supoño. Ou foi meu dobre, o doppelgänger. (Se ledes "Sete palabras" o último, veredes que ese cabrón do meu dobre está a coller consistencia de máis xa).

11.-¿Cres que os galegos teñen moito que aprender dos cataláns en canto á defensa da súa lingua?

-Temos moito que aprender en case todo o relacionado co civismo e a dignidade como cidadáns. E o relacionado co oficio, a industriosidade e sentido práctico. Aínda que hai cousas nas que prefiro o noso modo de ser, como a empatía, a paixón, a emotividade, que eu coido que son cousas importantísimas, aí coido que gañamos nós.

12.-Se a educación trilingüe fora realmente posible e realizable ¿cres que o decreto do galego sería unha iniciativa positiva?

-É unha canallada sobre outra canallada. É un decreto contra o galego simplemente, e envólveno en demagoxia: que se pretenden que aprendamos máis.... Minten.

13.- Pensamos que a literatura xuvenil non é nada doada a facer, tes que chegar a uns rapaces adolescentes, e atópaste cunha censura, é dicir, tes que ter en conta a igualdade de sexo, evitar a linguaxe sexista, non utilizar a violencia e o maltrato,non fomentar as drogas,etc. ¿Qué pensas sobre a literatura xuvenil? ¿É difícil escribir este xénero literario?

-Efectivamente, escribir para colección xuvenil supón escribir con cautelas, non todo é para todas as idades, hai cousas que simplemente non se poden comprender, ou poden ser malinterpretadas ou simplemente, poden danar a unha persoa nova.
En xeral, a literatura eu coido que debe facer comprender a vida e tamén como somos as persoas. Agora, iso si, sempre entretendo; e no caso da lectura xuvenil aínda máis.


Ligazóns da obra de Suso de Toro


Blog Suso de Toro

http://susodetoro.blogaliza.org/

Editorial Xerais

http://www.xerais.es/cgigeneral/ficha_autor.pl?id_autor=200394&id_sello_editorial_web=13

Biblioteca Virtual Galega

http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=XesToro


No ano 1960 publicouse o libro “La pell de brau” de Salvador Espriu, home da periferia ibérica que intentou comprender, o complexo enigma peninsular.

¿qué poderemos facer con Sepharad? Para ti Suso, dende o Mediterráneo co noso sentir galego.


A vegades és necessari i forçós
que un home mori per un poble,
però mai no ha de morir tot un poble
per un home sol:
recorda sempre això, Sepharad.
Fes que siguin segurs els ponts del diàleg
i mira de comprendre i estimar
les raons i les parles diverses dels teus fills.
Que la pluja caigui a poc a poc en els sembrats
i l'aire passi com una estesa mà
suau i molt benigna damunt els amples camps.
Que Sepharad visqui eternament
en l'ordre i en la pau, en el treball,
en la difícil i merescuda
llibertat.


"Piel de Toro":Alguna vez es necesario y forzoso/que un hombre muera por un pueblo,/pero nunca ha de morir un pueblo entero/por sólo un hombre:/recuerda siempre esto,Sepharad./Haz que sean seguros los puentes del diálogo/y busca comprender y estimar/la razón y las hablas diversas de tus hijos./Que la lluvia caiga poco a poco en los sembrados/y el aire pase como una suave mano/extendida y benigna sobre los anchos campos./Que Sepharad viva eternamente/en el orden y en la paz,en el trabajo,/en la difícil y merecida/libertad.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Los escritores como Suso de Toro nunca deberían dejar de escribir. Este es mi pequeño comentario. He llegado a vosotras a través del blog de él.
Seguir adelante. Felicidades!!!!

Antón Mixiriqueiro dijo...

O blog de Suso fornece materiais e enlaces sorprendentes. Alédome de atopar o voso blog... Saúdos dun Monfortino-Catalán

Pili - Carmen - Montse dijo...

Grazas polos vosos comentarios, fainos moita ilusión.

Suso de Toro é un dos nosos grandes escritores, aínda que xa non se dedique a profesión de escritor como autónomo. Os seus libros sempre formaran parte da literatura galega máis universal.

¡ Algunha novela o ensaio aínda pode xurdir da súa creatividade !

Antón gústanos o teu blog: poesía de liberdade,reivindicativa e anárquica.