BENVIDOS E BENVIDAS


A maxia dun sentimento lévanos ó Concello do Saviñao,

na Ribeira Sacra lucense, das Terras de Lemos.

Terra de pedra e luz, de homes e mulleres amables e

hospitalarios que deixaron marchar os seus fillos lonxe, en busca de novas oportunidades.

Terra máxica e melancólica, dunha fermosura incomparable,

cas súas devesas de carballos e castiñeiros centearios preto das augas do río Miño.

Terra namorada do seu pasado que loita por sobrevivir no presente.

Queremos compartir convosco a riqueza natural paisaxística,os camiños máis sorprendentes, as aldeas e festas,

o patrimonio artístico e a exquisita gastronomía.

Benvidos e benvidas ó noso blog .

Desexamos que nos enviedes os vosos escritos e fotos ó correo electrónico : lua_mgv@yahoo.es, para participar no proxecto.



4 nov 2010

Ruta do río Sardiñeira o sábado 6 de novembro

Boas, pola presente a comisión de Medioambiente e Turismo da Asociación Veciñal do Saviñao invita a asociados, e a quen desexe apuntarse, a realizar a ruta do río Sardiñeira no próximo sábado 6 de novembro, dende a desembocadura no Miño ata as proximidades de Valiñocobo,duns 11 km. de extensión.

A ruta iniciarase ás 10 : 30 h dende Montegrande ( hai que ir a S. Vitorio e collendo a esquerda , baixar ata cerca de Porto na desembocadura no Miño ) aínda que hai que levar os coches ata o destino , na Veiga ( Cazón ). Hai que levar provisións para facer a comida ( cada un o que desexe ) aproximadamente na metade do camiño.

Esta é unha ruta fluvial usada polos pescadores na época do couto, que acompaña o río Sardiñeira, unhas veces encaixonado e outras aberto en pequenos prados que se delizan ata a veira do río. É a chamada ruta dos muiños, aínda que neste tramo tan só se pasa por 4 deles, máis ben é a ruta das represas, pois é abundante nelas, ben para os canais de carga dos muiños, ben para as regas dos prados .

O que sí impresiona é a abondosa vexetación ripícola que acompana a ruta, frondosos amieiros, chopos, abeleiras, freixos e demais apetentes pola auga. É unha ruta divertida na que se atravesan varias pontiñas dun para outro lado, se perder de vista o cauce, e discorre por estreitos sendeiros labrados polos pescadores.

É unha ruta case que chan sen grandes desniveis , tan só as penedas que próximas ó cauce hai que salvar, subindo e volvendo a baixalas, o que fai máis lento o tránsito. É unha ruta accesible pero esixente, que remata na fusión dos ríos Portiño e Sardiñeira.

Esperámosvos.

No hay comentarios: