ACTIVIDADES DESENVOLVIDAS DESDE O 31 DE XANEIRO DO 2010
- 4 e 11 de febreiro. Celebración dos xoves de Compadres e Comadres, nun intento de recuperación destas datas do Entroido.
- 13 de febreiro. Presentación da Plataforma pola defensa da sanidade pública no Auditorio de Escairón. A nosa asociación adheriuse á Plataforma para implicarnos nun tema tan transcendente como é evitar o recorte de recursos no Hospital de Monforte. A charla informativa tiña por obxecto informar das intencións de centralizar a xerencia e a xestión do hospital en Lugo.
- 26 de febreiro. Presentación ante o Concello de distintas solicitudes: para recibir convocatorias e acordos das sesións públicas e publicidade dos acordos tomados nos plenos e comisións; e para a apertura da Oficina de información municipal ou para a delegación da responsabilidade de esta función. Estas solicitudes están xustificadas cos artigos correspondentes da Lei de bases e do R.O.F.
- 26 de febreiro. Asistencia ao Pleno municipal .
- Aportación de datos para avalar a antigüidade e a autenticidade do escudo do Saviñao co fin de que sexa aprobado oficialmente pola Comisión de heráldica .
- 9 de marzo. Reunión da Comisión de benestar e igualdade co alcalde e co tenente de alcalde para interesarse pola implantación do Wifi de banda larga para o rural. Aínda que hai empresas que din que fan a instalación, fano sen certificación nin concesión oficial. O pasado 7 de marzo entrou en vigor un programa autonómico de catro anos para achegar progresivamente a banda larga ó rural: o 1º ano achegarase ós organismos oficiais (SERGAS, xulgados, correos, etc.), o 2º ano ás empresas do rural con dez ou máis traballadores, e o 3º ano cóntase con chegar a toda a poboación. Polo tanto, aínda que se fixese unha solicitude por AGADER sería desestimada ao existir outra liña aberta. Conséguese unha cita entre o tenente de alcalde e o enxeñeiro dunha empresa instaladora (INTERMAX) coa nosa presencia.
- 9 de marzo. A Comisión de benestar e igualdade pídelle información ao tenente de alcalde sobre a cobertura da TDT e os puntos negros no noso concello. Infórmasenos de que só hai dous: Pesqueiras e Rebordondiego. O caso de Pesqueiras terá solución coa instalación dun repetidor (aínda que o número de habitantes non o xustifique); o de Rebordondiego é máis complexo, pois para a instalación dun repetidor precísase a apertura dunha liña eléctrica de dous quilómetros.
- 12 marzo. A Comisión de medio ambiente e turismo acorda a presentación da tempada e do couto de pesca no Sardiñeira na páxina web da asociación, así como colocar publicidade en Currelos, O Recreo (A Sardiñeira) e Escairón (no local social).
- 24 marzo. A Comisión de medio ambiente e turismo solicita diante da Dirección provincial de medio ambiente unha plataforma para ubicar unha niñada de cegoñas que evite os trastornos que lles causan todos os anos aos veciños das casas onde fan a niñada. Faise a solicitude no Concello para que a plataforma se sitúe no lugar do Palomar.
- 20 de marzo. A Comisión de medio ambiente e turismo presentará diante da Deputación unha ruta na Ribeira Sacra do Miño que irá dende Santo Estevo de Ribas de Miño ata Santo Estevo de Atán (Pantón). Este percorrido repartirase en sete etapas, que se realizarán todos os sábados a partir das 10 da mañá, e que están abertas a quen desexe acudir. Publícanse na Voz de Galicia os venres.
- 19 de abril. A Comisión de relacións coas parroquias, co ánimo de evitar que haxa zonas excluídas de información local e para garantir a cohesión interparroquial, solicitou perante o Concello a colocación de paneis ou taboleiros informativos en todos os lugares onde se ten por tradición e costume dar a coñecer as novas e as necrolóxicas. Solicítase que o material dos mesmos sexa resistente á auga , ao sol e á xeada. Acode a TVG para facernos unha entrevista sobre o tema .
- En audiencia coa alcaldía interesámonos polo estado administrativo en que se encontra o Centro de día, e manifestamos a necesidade da súa pronta apertura. A TVG informa desta solicitude nos seus informativos .
- 19 de abril. Solicitude da concesión, apertura e posta en funcionamento do ambigú da Cova. Trátase dun espacio público que xa estivo infrautilizado o pasado ano e estase a perder unha oportunidade importante de dar a coñecer o noso concello, xa que a Deputación está a potenciar a Ribeira Sacra do Miño. Cinco días despois a área estaba en funcionamento.
- 19 de abril. Solicitude de restauración do local dos antigos sindicatos e da cámara agraria, reparación que están solicitando varias asociacións, os partidos políticos e, ademais, a xuventude do concello, que nunca tivo un local onde reunirse. Este é o único accesible e dispoñible, polo que se solicita o compromiso de que no vindeiro plan de inversións se lle adique unha partida ao seu arranxo. Hai aberta unha liña de axudas aos concellos para este tipo de actividades e así llo fixemos entender á alcaldía cun posterior escrito.
- 19 de abril. Asistencia ao Pleno municipal.
- 21 de abril. Reunión coa encargada de Turismo da Deputación de Lugo, Mª Xosé Vega Buján. A Comisión de medio ambiente e turismo preséntalle a ruta da Ribeira Sacra do Miño, que une Santo Estevo de Ribas de Miño con Santo Estevo de Atán, nun percorrido de ribeira de máis de 40 quilómetros. Acéptase a idea e comprometémonos a presupostar a súa limpeza e sinalización .
- 22 de abril : Audiencia co alcalde, solicitada pola asociación, na que se tratan varios temas, que xa foran presentados por escrito:
- 1. Apertura do Centro de día e prioridade dos veciños do concello para acceder ás 22 prazas dispoñibles.
- 2. Apertura do local da área da Cova.
- 3. Arranxo do local de sindicatos para uso das asociacións.
- 4. Solicitude de colocación de taboleiros informativos en distintos lugares do concello.
- 5. Ubicación da plataforma para as cegoñas no Palomar unha vez que se rematen as obras do parque infantil.
- 6. Solicitude de medidas de seguridade vial nas catro entradas de Escairón. Posibilidade de colocación de badéns que obriguen a reducir a velocidade.
- 7. Recordatorio do noso dereito de recibir convocatorias e acordos das sesións plenarias e da obriga do goberno municipal de publicar as resolucións dos mesmos no taboleiro do concello .
- 30 de abril. Preséntase unha solicitude diante da Deputación para a apertura e limpeza dun camiño en Reiriz, dende Quián ata o río Pez, que facilite o acceso para o estudo e a solicitude de catalogación dun xacemento romano, posiblemente unha mina de ouro ou unha cova .
- 5 de maio. Solicítaselle á Xunta unha subvención de 8000 € para actividades culturais: noites do verán, obradoiros de olería e cestaría, teatro en galego para todas as idades, conta contos e animación .
- 10 de maio. Presentamoslle á alcaldía o presuposto dos taboleiros para colocar nas parroquias, como nos encargara o Alcalde. Solicítanse 50 unidades, a 35 € máis IVA.
- 7 a 13 de maio. Convocatoria, publicidade e asistencia á manifestación de Monforte na defensa da sanidade pública e pola permanencia da xestión sanitaria do hospital en Monforte, contra o intento da súa centralización en Lugo. O acto foi un feito histórico pola movilización de entre 8.000 e 12.000 veciños e veciñas na defensa dos seus dereitos .
- 13 de maio. A asociación solicita o ingreso na Federación de asociacións veciñais de Lugo, integrada na Confederación galega de asociacións de veciños, por considerar que pode ser unha fonte de información e de colaboración con outras asociacións similares á nosa .
- 20 de maio. Reunión cos donos da Casa das Cortes para solicitarlles permiso para pasar a ruta de sendeirismo por detrás da súa casa, a altura do muíño, e facela discorrer ata Ver. Non conceden permiso por considerar que elo pode xerar dereitos de paso.
- 22 de maio. Elabórase memoria de solicitude dunha subvención cultural díante da Deputación para institucionalizar unha xornada de baixada polos Codos de Belesar, visita ó castro da Portela e remate no burgo de Belesar. Esta xornada faríase no mes de agosto
- 26 de maio. Entrevista coa responsable da área de Turismo da Deputación para a zona sur, Mª Xosé Vega Buján, con respecto a Ruta de Sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño deseñada pola asociación. Manifesta o interese na súa realización así como acepta o presuposto presentado. Agora haberá que esperar a súa aprobación oficial, así como as fases nas que se irá facendo.
- 31 de maio : Presentación díante do concello dunha solicitude para a apertura dun convenio ou acordo entre o concello de O Saviñao e a dirección do Balneario de Augas Santas para que os veciños do noso concello poidan disfrutar das instalacións a uns precios asequibles , como xa o conseguiron os concellos veciños de Monforte , Sober e Pantón .
No hay comentarios:
Publicar un comentario