BENVIDOS E BENVIDAS


A maxia dun sentimento lévanos ó Concello do Saviñao,

na Ribeira Sacra lucense, das Terras de Lemos.

Terra de pedra e luz, de homes e mulleres amables e

hospitalarios que deixaron marchar os seus fillos lonxe, en busca de novas oportunidades.

Terra máxica e melancólica, dunha fermosura incomparable,

cas súas devesas de carballos e castiñeiros centearios preto das augas do río Miño.

Terra namorada do seu pasado que loita por sobrevivir no presente.

Queremos compartir convosco a riqueza natural paisaxística,os camiños máis sorprendentes, as aldeas e festas,

o patrimonio artístico e a exquisita gastronomía.

Benvidos e benvidas ó noso blog .

Desexamos que nos enviedes os vosos escritos e fotos ó correo electrónico : lua_mgv@yahoo.es, para participar no proxecto.



5 abr 2010

Un conto de emigrantes

É noite de invernía. A familia e os veciños están ao carón da lareira agardando polos contos que o vello petrucio lles soe contar despois da cea: historias arrepiantes que avivan os temores ancestrais de vellos e novos. Mais esa noite o vello sorprenderá ao seu auditorio cunha historia diferente: unha historia de aldraxe social, un laio doente de protesta por a inxustiza que está a sufrir a súa terra desde hai séculos, máis tamén será unha historia de amor e de saudade e un canto de esperanza.

Era un neno que ao final dos anos 40 iniciou cos seus pais o longo exilio da emigración, unha viaxe triste a un lugar afastado da súa terra de nacemento. Eran tempos duros, a miseria dunha época estéril no económico, no social e no político facía daquela familia uns desprazados en terra allea. Ese neno abriu os ollos á vida nun ambiente escuro e frío, nese mundo no que lle tocou medrar non había ocasións de lecer, non había xogos, non había infancia. O seu mundo transcorría entre a escola e a casa, unha escola pobre e unha casa humilde, na que a sala principal servía de cuarto e lugar de traballo dos seus pais. O seu espacio vital reducíase a un balcón e os seus únicos amigos eran uns libros que atopara na vivenda que alugaran. Ese neno vivía fóra da realidade cidadá que o rodeaba, a súa existencia transcorría nun autoguetto integrado por familias pertencentes á mesma diáspora, as súas vivencias eran solitarias debido aos esforzos que os seus pais realizaban para sobrevivir.

Nesa infancia solitaria latexaba unha ilusión, unha esperanza: a chegada do remate da escola. Sabía que ese era o momento da ansiada viaxe á súa terra de promisión, Galiza, na que podería dar renda solta ás súas necesidades vitais de xogo, de compaña con outros nenos da súa idade e unha vida aberta a un espacio para él infindo e descoñecido: as carballeiras, os soutos e os piñeiros que envolvían a súa vila. Cada ano esperaba a repetición desa viaxe iniciática que o transportaba á vida El tiña mitificado ese eterno retorno ao seu pobo, aos seus amigos, ás súas trasgadas e á lingua que lle falaban con agarimo os seus avós, lingua que escoitaba con curiosidade e admiración, ¡ tan diferente da fala que escoitaba a cotío na escola¡. Tan só fallaba unha cousa nese mundo máxico, a terrible dor da volta ao mundo que detestaba con todas as súas forzas, o retorno dun outono que convertía en xeo o seu corazón.

Ese neno fíxose mozo. Seguiu coa mesma admiración a esa terra que empezou a intuir que era a súa e espertou á necesidade de utilizar o idioma que oíra sempre no seu contorno afectivo. Foi tomando conciencia da inxustiza da situación vivida ata ese momento, da inxustiza que afastou aos seus pais e a el mesmo dunha terra fermosa, repasou mentalmente os seus anos de infancia perdidos nunha cidade que se lle antollaba estraña e chegou a razoar que a súa verdadeira infancia fora curta, concentrábase exclusivamente na estadía estival na súa vila.

O mozo fíxose home. Quixo fuxir daquel mundo e recuperar o tempo perdido, mais xa era tarde. Acadou traballo, casou con muller allea á súa terra, tivo fillos. Acababa de dar o salto no baleiro. Neste tempo manifestáronse nel os primeiros síntomas da enfermidade que sofren os emigrantes: a do home que se sente pertencente a dous mundos diferentes, o da súa orixe, que o mantén ancorado no seu mundo íntimo e mítico, e o de adopción, no que sementa amores e afectos, do que recibe impulsos culturais e materiais. Mais a pertenza a eses dous mundos presentáballe unha faciana negativa: a de sentirse de ningures, como unha especie de apátrida. En calquera dos dous mundos estaba descolocado, sentíase non aceptado en plenitude, sentíase distinto.

O home entrou na madurez e analizou a situación vivida desde unha óptica social e política. Non estaba, en absoluto, de acordo coas teorías románticas da emigración, que se cimentaban nunha idea case mística da necesidade do home de coñecer mundos, o afán de aventura e outras lerias polo estilo. Causáballe noxo unha idea expresada por Rof Carballo, na súa obra Mito e Realidade da Terra Nai, na que teorizaba como unha das causas da emigración galega o anceio dos seus homes e mulleres de ollar máis alá do estreito horizonte que lle impoñían os profundos vales onde vivían. Non, para el as claves da emigración radicaban na pobreza causada pola superpoblación, o minifundio e o caciquismo. Tras esta reflexión fixo súa a nova definición do emigrante: un exiliado económico.

O home volveuse solidario coa nova xeración de inmigrantes que sufrían coma el a dor do desprazamento. Acostumou a pasear por aquelas zonas da cidade onde viviu a súa infancia e mocidade. Foi a procura daquelas vivencias que marcaron o seu tempo e o seu espacio naqueles escuros tempos de posguerra. Paseos xa crepusculares, no outono da súa existencia, na que tentou revivir os afáns do home en formación. Os seu paseos eran moi distintos daquelas viaxes iniciáticas nas que aprendía a dureza da vida, amaba o risco e forxaba as armas que o axudarían a defenderse dos seus embates; neles ía á procura dun abrigo que o envolvese naquela idea de que todo tempo pasado foi mellor, á procura dun acougo que minorase as súas rabias actuais.

Xa non quedaban galegos naqueles barrios. Os máis vellos morreran e os que inda tiñan suficientes folgos buscaran barrios máis amables para pasar a súa inminente vellez. No seu lugar establecéronse magrebies, caribeños e subsaharianos, que conformaban unha sociedade do “sul” nunha cidade do “norte”, opulenta, derrochadora e indiferente ante a pobreza do débil. Sentiu un grande desacougo, a súa procura dun tempo imaxinariamente feliz mudouse nunha evidencia da dor humana. A dor dunhas persoas que fuxiran dunhas situacións de inxustiza e miseria para rematar sometidas á explotación e á incomprensión dunha sociedade que as miraba con receo.

Paseando por eses barrios sentiu mágoa dos nenos e nenas que nel malvivían, nenos de ollos tristeiros que miraban con medo e con cara de súplica, aferrados ás mans das súas nais. Familias cangadas de fillos que vivían nun guetto imposto por salarios de fame, explotados por propios e alleos.¿Cómo non ía existir delincuencia?, preguntábase, se vivían no seo de familias desestructuradas por as condicións económicas, a perda de valores tan propios e íntimos como eran a súa relixión, a súa fala e as súas tradicións.

¿Qué vida de desesperanza lles agardaba a eses pequenos e pequenas que padecían esas condicións de aldraxe?. Lembrou aquela frase de Rilke que decía “a patria dun home é a súa infancia”. Pensou con amargura ao ver eses cativos ¿qué patria terán?, ¿cómo sentirán o día de mañá ese espacio que lles tocou vivir?, ¿serán homes e mulleres libres e completos, servidores do ben común e acredores á unha vida digna para eles e, nun futuro, para os seus descendentes?. Grande incógnita a desvelar para esas tenras vidas. E pensou o dura que era a vida da emigración. Vendo aquela xente, non podía deixar de cavilar nos milleiros de galegas e galegos que se espallaran polo mundo e que, coma el, pasaron unha vida chea de sacrificios e de renuncias.

Aquí rematou o conto. Os oíntes quedaron en silencio. Miráronse uns aos outros, todos estaban marcados por ese estigma, todos tiñan familiares padecendo as mesmas doenzas. Preguntáronlle ao vello que fora daquel home. Díxolles que aínda lle quedaba camiño que percorrer, historia que escribir e moitas loitas nas que queimar os seus folgos, e engadiu: quédalle a esperanza de que a terra e a lingua que el amou nos se esquezan. Sementou estas inquedanzas nas súas fillas e axudou a conseguir o respecto de Galiza no seu mundo de adopción. Por eso, considera que non todo é negativo, que tras del virán os seus sucesores reclamando os dereitos que lle foran negados.

Ogallá que non este lonxe o día que se nos devolva a dignidade de pertencer a unha terra libre destas infamias. Ogallá que algún día os habitantes do terceiro mundo poidan vivir dignamente nos seus países e que lles poidan mostrar aos seus fillos un horizonte de esperanza. Que os nenos e nenas poidan sentir a súa infancia como a súa patria e que os seus pais poidan pasear no seu outono vital por unhas rúas cheas de vida e sen nostalxia polo paraíso perdido.

Os galegos da diáspora seguiremos a esixir e a loitar porque eso suceda.


Autor: Francisco Nieves Rajo

Texto publicado no libro "Circular polo Saviñao II"

1 comentario:

Soto dijo...

Paco:parabens polo relato.sintese ,vivese,doe ;plasmas as vivencias do emigrante con unha forte "crueldad sufrida por un mesmo".A forma que está escrito o relato ten que ser percebido como a memoria que non se pode esquecer(!como se vae a esquecer a infancia !foe ao carallo! ,nin nun eido nin no outro),o drama e un dramón ,por eso ,e de unha crueldad infinita a indiferencia e aversión que nos producen os "emigrantes de a fora ".... " os seres humans de afora".E iso que estamos "vendo enfrente das nosas propias propias narices a estampa do desamparo ea chamada desgaradora da axuda.
Xose Cerdeira soto.