BENVIDOS E BENVIDAS


A maxia dun sentimento lévanos ó Concello do Saviñao,

na Ribeira Sacra lucense, das Terras de Lemos.

Terra de pedra e luz, de homes e mulleres amables e

hospitalarios que deixaron marchar os seus fillos lonxe, en busca de novas oportunidades.

Terra máxica e melancólica, dunha fermosura incomparable,

cas súas devesas de carballos e castiñeiros centearios preto das augas do río Miño.

Terra namorada do seu pasado que loita por sobrevivir no presente.

Queremos compartir convosco a riqueza natural paisaxística,os camiños máis sorprendentes, as aldeas e festas,

o patrimonio artístico e a exquisita gastronomía.

Benvidos e benvidas ó noso blog .

Desexamos que nos enviedes os vosos escritos e fotos ó correo electrónico : lua_mgv@yahoo.es, para participar no proxecto.



4 sept 2010

Percorrido pola Ribeira Sacra: de Belesar a Nogueira do Miño



Poucas veces temos a posibilidade de trasladarnos ao escenario das páxinas dun libro: "O Cabo do Mundo" de Xabier Quiroga.

Da letra á realidade, o club ciclista AlamBIKE CC fixo un percorrido por lugares fermosos da ribeira do río Miño ata chegar ao CABO DO MUNDO.


A conquista d´O CABO DO MUNDO, tralas pegadas dos Fuxidos ou derradeiros guerrilleiros

“Sempre andas co raio do macuto ás costas, non descansas, bo castigo tés, se algún traballo hai no mundo,o de viaxar é un, está escrito, por iso te trae o mundo así, de dornas para piornas, escarallado, andando dun sitio para outro, andando por aí adiante, vas para os infernos, o mellor é estar calado que despois veñen as guerras civís e matan ós que andan investigando.
O que vale é ter o pico calado. Sempre humildes, deica a fin da vida. Deica a morte non protestar. Ó boi escornón nunca lle faltou cornada. Por moito que bailen, os mandos mandan e mandarán. Se o río corre para baixo, déixao correr.”

EMILIO ARAÚXO
(recollido en Cinsa do vento. Libro da Ribeira Sacra)


A) PLAN CICLISTA

CHANZO 1 (10 km): De San Fiz de Asma a Santo Estevo de Ribas de Miño.

1.-Campo da Igrexa de San Fiz de Asma (deixamos os coches e collemos as bicicletas).
2.-Igrexa románica de San Fiz de Asma (xoia do románico; no cemiterio de San Fiz de Asma: tumba d´O Piloto)
3.-Castro de San Fiz.
4.-Baixada pola ribeira (ata a Igrexa vella de Pesqueiras e regato de Choupán, onde mataron ao Piloto).
5.-Encoro de Belesar (a magna obra do franquismo) e Club Náutico.
6.-Pena de Abeado (refuxio d´O Narote).
7.-Pola ribeira do Saviñao ata Pesqueiras (pobo típico).
8.-Subida ata a Abadía de Santo Estevo (propiedade privada,restaurada e pechada, entre soutos e vereas).
9.-Baixada a Santo Estevo de Ribas de Miño.

CHANZO 2 (5 km): De Santo Estevo a Belesar polos Cóbados.

10.-Subida ata a aldea de Galegos, coas escorras do Miño á dereita.
11.-Pazo das Cortes (privado).
12.-San Paio de Diomondi, Pazo bispal.
13.-Baixada polos Cóbados de Belesar ata o pobo.Baixada perigosa da ribeira polos Cóbados de Belesar (tres enormes curveiras de vella calzada romana, logo Camiño Real) que nos achegan ao fermoso pobo e ponte de Belesar (une os concellos de Chantada e O Saviñao).

CHANZO 3 (4 km): De Belesar a Portotide: pola dereita ou pola esquerda?

14.-opción a)Fácil: asfalto do Saviñao,de paseo entre Belesar e a seguinte ponte: Portotide.
opción b)Máis longa e dura: verea entre muras do concello de Chantada.
15.-Atravesamos o Pousadoiro e a aldea de Pincelo (os da opción b)
16.-Ponte de Portotide (os da opción a) atravésana, e xuntaranse cos da b).Ao fondo xa se adiviña o Cabo do Mundo.

CHANZO 4 (15 km): De Pincelo ao alén ou a Conquista do Cabo do Mundo.

17.-Fermoso carreiro entre a ponte de Portotide e a Veiga. (visión da casa do falanxista)
18.-Asfalto no Cabo do Mundo:o tramo do 15% en 1´5 quilómetros e outros 3 de pista nova.
19.-Entre os piñeiros do Cabo do Mundo ata Cartemil.
20.-Asfalto con subida final ata Nogueira do Miño, capital da parroquia chantadina.
21.-Subida a Pedrigo e atravesamos o corazón do cabo do Mundo polo Monte do Navallo.
22.-Regreso desde o Cabo do Mundo-A Veiga-Portotide ata Pincelo

Os que queiran pasearán ata a Veiga e subirán a Pedrido.Pódese visitar a Fervenza de Fondós e o Penedo do Graúllo.


Photobucket



Mírao como queiras. É o Cabo do Mundo. Coa ruta trazada ou desde o outro lado. Terra de fuxidos, de falanxistas, de viños e xente arrecha. De aquí aos Peares, o Miño parece non querer andar.

Photobucket



Moitas grazas Xabier.

1 comentario:

Antón Mixiriqueiro dijo...

Que envexa, quen poidese facelas rutas !!! Iste ano non vai ser, mais o que ven...

Un saúdo !!