Os Mouros e os seus contos forman parte dos relatos que os vellos do lugar máis coñecen. Non son os musulmáns, senón eses seres míticos que habitan nos castros e construcións de pedra, precristiáns asociados con antigas crenzas dos galegos.
A miña historia favorita é a de Isabeliña, que se explica en moitas das parroquias do Saviñao con nomes diferentes pero co mesmo final.
A miña historia favorita é a de Isabeliña, que se explica en moitas das parroquias do Saviñao con nomes diferentes pero co mesmo final.
A historia de Isabeliña
Érase unha vez, unha rapaza que viña de moer no muíño, e po-lo camiño escoitou cantar unha voz moi fermosa; a rapaza seguiu á voz ata que chegou ó pe do regato da Lama de Diomondi.
Viu unha moura, pequeniña, moi escura, de cabelo longo e cor dourado, vestida cun traxe luxoso, cheo de pedras bailantes cosidas na tea. A moura estaba sentada nunha pedra, a carón do regato, mentres peiteaba o seu cabelo cun peite de ouro.
A moura rematou de cantar de súpeto, e desapareceu da pedra, aparecendo ás costas da rapaza, e díxolle: - Isabeliña, ti quereríasme peitear o cabelo con este peite de ouro ?
A rapaza, aínda sorprendida, preguntoulle: –e quen é vostede?, repúxolle a moura: - o meu nome non cho podo dicir, pero son a raíña dos mouros, e se fas o que che digo, eiche de dar un bo agasallo.
A rapaza púxose a peitear o cabelo da moura co peite de ouro, pero deulle por tusir un pouco, e tusiulle na cabeza. A raíña dos mouros revirou a testa e díxolle moi incomodada :- tuse pra outro lado, que non quero que me bautices cristián co teu cuspe !
Cando Isabeliña rematou a súa labor, a raíña dos mouros deulle un pano bordado con algo dentro, moi pesado, e díxolle: -Vaite, e non o abras ata chegar a casa, nin lle contes isto a ninguén, pois as de vir tódolos días a peitearme, e se cumpres o que che dixen, eiche dar un agasallo igual.
Isabeliña marchou pra casa, acatando a promesa, pero coa curiosidade no corpo. Cando chegou, abriu o pano e asombrada, mirou que dentro viñan tres relucentes moedas de ouro.
Isabeliña foi tódolos días a peitear á raíña dos mouros, e viña pra casa co pano e as tres moedas de ouro dentro, ata que un día, a súa mai preguntoulle de onde viñeran tantas moedas, e Isabeliña tivo que confesarllo.
O día seguinte, Isabeliña foi de novo visitar á moura, coa cabeza baixa por ter faltado a súa promesa.
Non voltou máis pra a aldea. A xente do lugar xuntouse pra ir á procura da rapaza, berrando: -foron os mouros, foron os mouros !
Cando chegaron á beira do regato escoitaron cantar:
A Isabeliña, Isabelón,
por lingoreteira,
está na miña barriga,
fritida en aceitón.
E nunca máis apareceu Isabeliña nin as moedas.Os tratos hai que cumprilos sempre.
Fermoso conto recollido por Ismael Fuentes
No hay comentarios:
Publicar un comentario