Cantas veces observei dende a outra banda da ribeira aquela pequena península volteada dun mar de interior. Só as augas do río Miño poden mesturar as terras do Saviñao e Chantada, e quen mellor que Xabier Quiroga para narrar o segredo dun amor e a crueza da represión franquista no seu CABO DO MUNDO.
O Saviñao
En toda a miña obra non hai outro referente de terra e paisaxe humana que a do noso Concello. En “Atuado na braña” era o brañal de Bouzuás e Escairón (xunto con Vilasante), en “Era por Setembro”, aínda que non está nomeada a vila, é Escairón mesmo. Escairón aparece de novo en “Se buscabas un deus”. E finalmente “O Cabo do mundo” amosa toda esa xeografía da Ribeira Sacra entre Chantada e Escairón, ademais dunha portada coa barca de Pincelo. Pero non só aparece a paisaxe, tamén as nosas xentes, os seus falares, e a forma de ser e relacionarse coa propia realidade. Nese sentido creo non traizoar a idiosincrasia da terra adentro na que nacín e na que me movo.
A portada de Atuado é una foto do vello carreiro (agora pista aberta con paleadora, tristemente) que unía Santo Estevo de Ribas de Miño con Galegos.
Como se dixo o outro día na presentación desta última novela, O Saviñao parece o meu Macondo particular. Todo arrecende a enxebreza, a país, a xentes feitas a por de tratar con esa paisaxe eterna e saborosa, a mesma que vós botaredes de menos. Despois disto só me queda anotar que O Saviñao representa, na miña narrativa, a todo o país galego. Sempre o pensei así. É algo preconcebido.
Nesta última novela, coma en todas as outras, tamén aparecen nomes de personaxes que son realidade. Por poñervos exemplos, preguntade se existen ou existiron o Sampil, o Sarmento, o Fandelo, o Telmo, o Evaristo, o Luciano, o Criollo, a Doloretas, O Charló, o Reina… Xa pedín perdón en varias presentacións por empregar eses e outros moitos nomes, pero tamén é un xeito de que perduren no tempo.
En canto á lingua, reproduzo agora un fragmento dun crítico, Xosé M. Eyré, sobre O Cabo do Mundo que me parece atinado: “Fica por mencionar, aínda, a lingua, esa vizosa lingua que transporta os matices propios creados pola xente de´O Saviñao. E que non é menos literaria por ser lingua do pobo, senón, que, pola contra, por iso mesmo é mais importante”.
Documentación da novela O CABO DO MUNDO
Moito tiven que ler e entrevistar para recoller información sobre os sucesos do 36 no noso concello. Servinme especialmente de dous libros editados polo Círculo Saviñao titulados “Circular polo Saviñao 1” e “Circular polo Saviñao 2”. Henrique Sampil é quen xestiona ou dirixe a denominada Sociedade. El recopila o material para as publicacións. Tamén falei co Narote, que se agochou dos falanxistas durante catro anos. A documentación que realiza o personaxe protagonista para coñecer o pasado é, máis ou menos, a que levei a cabo, o que non significa que eu sexa o protagonista nin que a obra sexa en si autobiográfica. Está claro que algo de min hai na novela e neste personaxe.
¿De onde nace a historia?
Realmente, xusto no ano 2006, ano da Memoria Histórica, empecei a interesarme pola represión franquista. Lin moito, como dixen, e logo foi madurando una temática que me interesou: a actuación das denominadas “patrullas ou brigadas do amencer” no noso concello. Pregunteime: Houbo falanxistas que se dedicaron a matar ou perseguir “roxos” polas ribeiras do Miño do Saviñao ou non? Houbo, si. E mesmo en Escairón actuaron perseguindo aos que foran compañeiros de xogos infantís. Aí xurdiu a historia. Logo a ficción creou personaxes e inventou acontecementos. Debo engadir tamén que a realidade foi moitísimo máis cruel e dura que é a literatura. Con iso dígoo todo. No noso país non houbo fronte bélica, non houbo guerra en si, pero produciuse una represión tan atroz que a mesma memoria colectiva ten medo de proclamar o sucedido. Iso foi o que quixen denunciar en “O Cabo do Mundo”, xunto cunha constante nas miñas novelas: a busca persoal ou esencial de cada un. O personaxe principal, procurando dúas teimas que lle roen o caletre (a amorosa e a da represión), procúrase a si mesmo.
Sen dúbida Xabier Quiroga reflexa o sentir da xente das nosas terras do sur lucense, e na súa obra relata unha historia que forma parte da memoria colectiva que quedou oculta durante moito tempo. O silencio esqueceu a dor de feitos tremendos que aínda están vivos na lembranza dos nosos maiores.
Xabier convídanos a ler e opinar con voz crítica aspectos do seu libro que convén descubrir cada un.
Ligazóns da obra de Xabier Quiroga
Editorial Xerais
http://www.xerais.es/cgigeneral/ficha_autor.pl?id_autor=100005336&id_sello_editorial_web=13&id_funcion=44
Biblioteca Virtual Galega
http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=XabQuiro&alias=Xabier+Quiroga
No hay comentarios:
Publicar un comentario